Saturday 11 de May de 2024

A Xunta denega a aprobación definitiva do PXOM de Trazo polos seus numerosos erros, irregularidades e ausencia de documentación


Os socialistas critican que o alcalde trate de agacharlle esta situación tanto aos veciños como aos grupos políticos municipais, a quen lles ocultou o informe negativo da Xunta no Pleno celebrado en decembro

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo acordou non outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Trazo polos numerosos erros, irregularidades e ausencias de documentación e informes técnicos que contén o documento, aprobado en solitario polo Partido Popular encabezado polo alcalde Xosé Dafonte en marzo de 2016. O PSOE de Trazo considera especialmente grave que o alcalde ocultase esta información tanto aos veciños e veciñas do concello como aos grupos municipais da oposición, pois o informe foi emitido o 2 de decembro de 2016 e o señor Dafonte agachou esta información no Pleno Municipal celebrado o 23 de decembro.

A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, sinala que “o que está a facer o señor Dafonte co PXOM de Trazo é unha auténtica chapuza. Primeiro fixo un Plan Xeral cheo de irregularidades e sen ter en conta a ninguén. Despois cometeu a torpeza de expoñer ao público uns planos que non eran os aprobados polo Pleno e tivemos que ser os socialistas os que lle corriximos ese grave erro. E agora anda mentindo e tratando de agachalo todo para que os veciños non vexan que nin sequera fai o traballo polo que se lle paga”. Neste sentido, Domínguez Siaba lembra que “a maioría dos erros detectados pola Xunta en decembro xa figuraban no informe emitido hai 3 anos. Tres anos nos que o señor Dafonte non fixo nada polo PXOM, non sabemos se por incompetente ou por preguiceiro”.

Os socialistas de Trazo lamentan que Dafonte e o seu equipo non corrixiran os erros denunciados pola Xunta no informe previo á aprobación inicial do PXOM, emitido o 3 de xaneiro de 2014. Pero, ademais, o documento final inclúe novos erros como referencias a leis derogadas (como a Lei 4/1994 de Estradas de Galicia), non adxunta a Memoria Ambiental ou que no “Informe de Sustentabilidade Económica” se fale do PXOM de Portas, en vez do PXOM de Trazo. “Son tan chapuceiros que nin saben facer ben un corta e pega”, apunta a voceira municipal socialista, quen considera que “o máximo responsable desta chapuza é o señor Dafonte, que volve a demostrar unha vez máis que non está capacitado para seguir á fronte do Concello polo que lle volvemos a pedir que, cando menos, teña a dignidade de marcharse e deixar a Alcaldía en mans de alguén do seu grupo que sexa quen de sacar adiante un dos documentos fundamentais para o futuro de Trazo e dos seus veciños”.
Uns erros graves e advertidos

Os socialistas tamén chaman a atención sobre as similitudes entre a alegación presentada polo PSOE de Trazo, rexeitada polo PP sen nin sequera debatela, e as deficiencias atopadas pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo no Plan Xeral. Así, o informe da Xunta especifica que “segue sen xustificarse axeitadamente a capacidade residencial plantexada; segue a favorecerse a ocupación de solo extensiva con delimitación de solo de núcleo rural común; non se xustifica a inclusión dos terreos de elevada pendente da marxe noroeste da vía provincial e que amplían a delimitación de solo urbano vixente” e especifica que “o sector de solo urbanizable SUD-01 (onde o Concello quere facer un polígono empresarial) quedará condicionado á realización dun estudo que xustifique a demanda”.

“En definitiva, a Xunta acaba de darlle unha labazada na cara ao señor Dafonte e acaba de confirmar que leva oito anos presumindo e prometendo cousas que sabe que non vai poder facer porque a lei e os seus propios compañeiros de partido na Xunta non lle vai a deixar”, explica Beatriz Domínguez. “Dafonte leva anos dicindo que co PXOM se van construír mil vivendas novas, cando en Trazo existen agora mesmo pouco máis de 1.200; ou que vai crear un polígono industrial no centro do Concello, cando en Galicia hai ducias de parques baleiros. Pois agora a Xunta confirma que non eran máis ca fantasías de alguén que enganou aos seus veciños e veciñas con falsas promesas a sabendas de que non as ía poder cumprir nunca”, conclúe a voceira municipal socialista. De feito, e por segunda vez nos últimos tres anos, a Xunta resume que “deberá acreditarse suficientemente a previsión de 1.122 vivendas novas, 870 delas en solo de núcleo rural; e a dimensión dos 200.000 m2 para solo empresarial”.

Entre as ausencias de documentación salientables no Plan Xeral tracense, a Xunta bota en falta a inclusión das medidas ditadas nos informes de Aeropuertos Españoles y Navegación Aérea e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Ademais, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu un informe desfavorable, polo que o plan deberá volver ser enviado a esta entidade logo de corrixir os erros detectados. Tamén salienta a ausencia do novo informe de Augas de Galicia e que parte da documentación achegada non foi aprobada polo Pleno do Concello, como indica a lei.

A maiores, a Xunta sinala a ausencia de mapas e planos, así como varios exemplos de incoherencias entre a documentación enviada, como o caso do plano i-27 que inclúe catro zonas de riscos xeotécnicos pero só sinala tres; ou varios planos que unifican o solo de núcleo rural común co solo de núcleo rural histórico tradicional. Tamén inclúe ata unha vintena de localidades das distintas parroquias que foron mal delimitadas e nas que o Concello de Trazo deberá reducir as súas previsións de capacidade residencial.

Ocultación de información no PXOM

O Concello de Trazo ten agora que presentar toda a documentación solicitada pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Os socialistas lamentan que o alcalde leve case dous meses tratando de ocultar esta realidade á veciñanza e aos grupos políticos municipais, pois non recoñeceu a existencia deste demoledor informe ata que lle foi requirido por escrito.

Unha situación que, por desgraza, non é nova en Trazo, onde incluso o Xulgado do Contencioso Administrativo Número 4 da Coruña condenou en setembro de 2015 a “actitud obstruccionista del Alcalde a la actividade de la concejal (Beatriz Dominguez) en el ejercicio de sus funciones públicas” e considerou “vulnerado el derecho fundamental de la recurrente al ejercicio de sus funciones en el Concello de Trazo”. Unha actitude obstruccionista que, casualmente, tamén estaba relacionada coa tramitación do Plan Xeral, pois a documentación que se solicitara era o expediente de contratación da asistencia técnica ao Concello no proceso de exposición pública do PXOM e as alegacións presentadas por veciños, entidades, partidos políticos e Administracións ao documento de aprobación inicial do PXOM de Trazo.